martes 1 de diciembre de 2009

Día 1 novena da Inmaculada en O Carballiño.

Estes días estarei predicando no Carballiño, na Veracruz, ás 19h. Antes, rato de confesonario... Aquí vai a prédica de onte:

"A Igrexa volve ofrecernos a posibilidade de acercarnos a María e coñecela un pouco mellor. Volvemos a xuntarnos para celebrar a novena da Inmaculada e oxalá que estes días os aproveitemos para falar máis da Virxe María e máis con ela. María Inmaculada, cóllenos da man, que moitas veces tiramos para onde queremos ou nos levan as paixóns e os nosos gustos. Virxe María, nosa nai, lévanos da man cara a túa casa, cara a casa de Xesús, e fálanos para que te coñezamos e amemos. Amén.


Miremos a María. Aí temos a unha preciosa muller, á bendita entre tódalas mulleres, á elexida para ser nai de Deus e nosa nai. Miremos pa ela, non quitemos a nosa mirada desta muller. ¿Perderemos o tempo mirando pa ela? Para nada. ¿Acaso non rezamos moitas veces: “Bendita sexa a túa pureza e eternamente sexa bendita, pois Deus recréase en tan graciosa beleza”? Se Deus o fai, ¿non gañaremos nós moito facéndoo tamén?


Si, miremos a María e descubriremos o que significa que sexa a Inmaculada Concepción. Ela, elexida por Deus dende sempre, foi concebida sen pecado algún. Ela, pura dende o seu nacemento ata a súa glorificación. Bendita entre tódalas mulleres e homes porque foi purificada a primeira e mantense incontaminada por sempre. Inmaculada concepción, é dicir, concebida sen pecado, preservada dende a súa concepción do pecado orixinal co que todos vimos a este mundo.


Escoitemos o que declarara solemnemente o Papa Pío IX en 1854: …“a benaventurada Virxe María foi preservada inmune de toda mancha de pecado orixinal no primeiro instante da súa concepción por singular gracia e privilexio de Deus omnipotente, en atención ós méritos de Xesucristo Salvador do xénero humano”. Nós, como ela, disfrutamos dos méritos do Señor e esperamos alcanzar o Ceo, como ela o alcanzou. Pero hai unha diferencia: ela non pasa polo pecado orixinal e nós si. A meta é a mesma, o camiño é distinto. Poderiamos mostralo cunha comparación: nós fomos liberados do pozo do pecado por Cristo, que nos saca del, e ela non caeu nese pozo porque o seu Fillo lle preparou outro camiño.


Nesta muller bendita poñamos os ollos e o corazón este días, confiadamente, con cariño de fillos, con reverencia cristián."