“Bendito o froito do teu ventre” decimos na oración do Ave María, “bendito o froito do teu ventre”. A esta aclamación festiva podemos unir aquela outra da xente ante a entrada de Xesús en Xerusalén, antes da festa de Pascua: “bendito o que vén no nome do Señor”. Quizás tamén usaron unha expresión parecida aquelas persoas que vían a Xesucristo facer milagres, como tivemos hoxe ocasión de escoitar do Evanxeo.
Se un descubre a Deus na súa vida e se percata da súa acción salvadora rompe a cantar con esta frase, seguro. Porque Deus está cerca de nós, está no medio de nós. Cando nos demos conta desto, escoitaremos no noso corazón exclamar ó Espíritu Santo: bendito o que vén no nome do Señor.
¿E por onde vén este bendito enviado? Por María. Ela, a elexida de Deus, a súa humilde escraviña, é a nai de Xesús, verdadeiro Deus e verdadeiro home. Gracias a que ela lle dixo que si ós plans de Deus para a súa vida podemos nós hoxe exclamar con gozo: bendito o que vén no nome do Señor.
Este nacemento é o que recordamos cando rezamos o Angelus e dicimos: “o Verbo fíxose carne e habitou entre nós”. Xesucristo, enxendrado pola Virxe María e o Espíritu Santo, toma carne humana e vive coma un de nós, sen distinguirse dos demais homes máis que no pecado. Nacendo e vivindo neste mundo noso móstranos a cercanía de Deus. ¡Cantas veces nos referimos a Deus e parece que falamos de algo ou alguén lonxano! Pero volvemos os nosos ollos á Biblia, miramos para a Virxe Inmaculada e dámonos conta que non é así, que Deus está entre nós. Así, ¡bendito o que vén no nome do Señor, nacido de María Virxe! El, Cristo, o Salvador, acércase a nós, danos a súa Palabra, o seu Corpo e Sangue e móstranos o camiño cara o Pai.
Xa san Paulo chegara a dicir: é Cristo quen vive en min. Tamén en nós pode vivir o Señor. ¿Como imos aproveitar esta Misa na que Cristo se nos regala? ¿Como imos acercarnos a comulgar? Se non o facemos, ¿que é o que nos está privando desta mesa de vida?
0 Pasos paseniños.:
Publicar un comentario en la entrada