jueves 21 de enero de 2010

Mércores- II Semana de Teoloxía en Ourense.


As expectativas volveron a quedar máis que colmadas. A tarde de onte presenciou un cheo rebosante no salón do Liceo onde Monseñor Julián Barrio disertou sobre o Camiño de Santiago, a partir da súa Carta Pastoral “Peregrinos da fe e testemuñas de Cristo resucitado”.


Aínda que os puntos neurálxicos podemos atopalos na introdución da súa Carta, sen dúbida que o contido foi presentado na súa totalidade. Resaltemos algúns.


O camiño é signo e símbolo da vida humana. Axuda a descubrir que a vida é camiño á patria eterna e non lugar terreo definitivo. Comparando: a vida é unha ponte e sería unha pena que construamos a nosa casa nel, sabendo que a meta está ao final do mesmo.


O Camiño de Santiago non pode perder a súa identidade espiritual so pena de perder o máis propio: un camiñar cara ao encontro con Deus. Por el, tomamos conciencia do noso cotián vivir, lembrando de onde partimos e animándonos cara á meta definitiva. Neste marchar polos camiños de terra e vida seguimos necesitando de novos Moisés que nos dean a beber a auga viva que refresca a nosa alma.


A peregrinación supón perigo e ensina experiencia. O perigo pode chegar a ser de morte, pois estamos expostos ao que salga e se presenten ante nós. A mesma morte é vista como o camiño definitivo. A experiencia leva á humildade e á confianza en Deus, compañeiro invisible (pensemos nos dous que volvían a Emaús e atópanse co Mestre). Sen este matiz relixioso, o camiño queda inerte e non nos dá o máis característico del.


Peregrinar fainos tomar conciencia da nosa peregrinación existencial e sácanos dos nosos estreitos egoísmos.


Non todo se gasta nas sendas de ida senón que debemos prestar atención ao regreso, á volta. O encontro entre Deus e o peregrino leva ao cambio persoal e á toma de novas actitudes.

Nós seguiremos co noso avance por esta semana de Teoloxía. Esta tarde tócalle a quenda ao Sr. Bispo de Mondoñedo-Ferrol que nos falará sobre o sacerdocio no noso tempo.