viernes 22 de enero de 2010

Sacerdotes para o s. XXI.

Mons. Manuel Sánchez Monge, Bispo de Mondoñedo- Ferrol dirixiunos na tarde do 21 de xaneiro unha conferencia sobre o sacerdote nos nosos tempos.

Co seu particular estilo, onde o rigor e a claridade déronse cita xunto ao humor, foi debullando algunhas claves da nosa época e da identidade sacerdotal.

O sacerdote do s. XXI, na súa identidade, profunda é o mesmo que o do s. I. Hai unha serie de características que non cambian: ser home de Deus, home da Igrexa e pai dos pobres. Logo, en cada época, pode acentuarse máis unha dimensión que outra ou vivirse dun modo novo.

O mundo actual non é o conxunto de todos os males sen mestura de ben algún. Pero non podemos por iso deixarnos levar por un optimismo facilón. Dos males que podemos sinalar hai un que actúa e nótase fortemente: a secularización.

Respecto ao sacerdote. Que trazos acentuar?
- O sacerdote ha de ser místico: home de profunda e persoal experiencia de Deus. Lembremos o devandito ao comezo da Deus Caritas est: o fundamental do cristián é o acontecemento dun encontro persoal con Cristo.

A partir de aí, o sacerdote será mistagogo, catequista, quen conduza a Deus. Todo iso non será posible sen unha constante vida en oración. É unha ousadía falar de Deus sen falar con Deus.

- Amar á Igrexa: por que? Porque ela é quen me transmite a Cristo. Nela podo atopar espazo, pois é santa e pecadora, para min e xente como eu, que tamén o somos. Sen a súa mediación acabaría abrazado á nada ou a deuses falsos.
- Home da misericordia: entregando o amor até a quen non o merece. E o sacerdote pode facelo porque se sabe amado por Deus e perdoado por El. É Cristo quen nos elixe, a pesar das nosas faltas, El quen nos acompaña e anima, ensinándonos como amar.

Aquí entraría o sacramento da penitencia: o esquecemento do mesmo é unha das grandes pobrezas da Igrexa actual.

Exhortándonos a atoparnos coa misericordia divina por este medio, despediuse. Nós continuamos estas xornadas de formación e encontro coa conferencia de Mons. Alfonso Carrasco Rouco, que esta tarde nos falará da adoración eucarística.